Obxectivos

Os obxectivos, as accións e as liñas de investigación do IXEX encádranse nas prioridades relacionadas co desenvolvemento sostible que forman parte destacada do Programa de Investigación da Unión Europea, co Plan Nacional de Investigación e coas liñas de referencia das prioridades galegas no ámbito da investigación, o desenvolvemento e innovación.
É misión do instituto avaliar a coherencia interna e externa da Estratexia de Xénero con respecto aos compromisos nacionais e internacionais e as boas prácticas, incluídos os ODS, a Convención sobre a Eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller (CEDAW) e a Plataforma de Acción de Beijing.

Obxectivos específicos:

  • Apostar pola transversalización de xénero na investigación xurídica do(s) dereito(s) e polo fomento da produción científica vinculada aos estudos de xénero e feministas.
  • Potenciar a innovación en materia de xustiza e igualdade e promover a participación da comunidade na promoción da diversidade.
  • Converterse en instituto de referencia para todos os temas relacionados coa investigación e coa creación e desenvolvemento de accións relativas ao papel da muller na xustiza, entendendo por isto tanto o acceso da muller á xustiza como o tratamento con perspectiva de xénero na xustiza, pero non limitándose a eles, senón cubrindo outros aspectos relacionados co eido xurídico como son a igualdade no mercado de traballo, fiscalidade, temas de familia e identidade social, desenvolvemento ou o relativo ao xénero en intelixencia artificial.
  • Fomentar, apoiar e difundir estudos inter e multidisciplinarios nas diferentes liñas de investigación que conforman o IXEX, que poñan en evidencia a importancia da investigación en aspectos relacionados coas referidas accións, procurando un coñecemento profundo e integrador das mesmas.
  • Contribuír á visibilidade internacional da investigación e da produción científica punteira na Universidade de Vigo, especialmente nos traballos desenvolvidos nas áreas de xustiza e xénero e procurar o desenvolvemento colaborativo de accións con centros estranxeiros de prestixio, situando ao IXEX como referente nos estudos de xénero que, lonxe de limitarse ao campo xurídico, parten do mesmo para transcender ás temáticas relacionadas coas distintas liñas de investigación, desde unha perspectiva social, psicolóxica ou histórica, chegando dende a realidade laboral incluso á intelixencia artificial.
  • Participar na formación de persoal investigador en todas as áreas directa ou indirectamente relacionadas co xénero, a xustiza e o resto de temáticas vencelladas.
  • Interactuar e colaborar con asociacións para o intercambio de coñecementos e estratexias con respecto a políticas de xénero, así como con persoas representantes do mundo da xudicatura, avogacía, do ámbito xurídico e con todas aquelas profesións e traballos relacionados coas liñas de investigación.
  • Promover a mobilidade e tecer unha rede de colaboracións e cooperación con institucións e organismos públicos e privados que parta do campo da xustiza na súa relación coas diversas realidades fácticas, isto é da relación entre as concordancias do ‘verum’ co ‘certum’.
  • Operar como colectivo de apoio profesional e asesoramento a proxectos de estudo, análise e capacitación, así como a programas de desenvolvemento para organizacións de mulleres e organismos formais involucrados na execución de leis que afectan ás mulleres e aos diversos colectivos para os que traballa o Instituto.
  • Organizar actividades de formación e difusión especializada.
  • Impulsar a transferencia do coñecemento e a sensibilización da sociedade a través das accións desenvolvidas, dos acordos e compromisos con outras institucións ou asociacións públicas e/ou privadas.
  • Prestar asesoramento e asistencia técnica especializada a particulares, empresas, ONGDs e institucións en relación cos recursos e coas liñas temáticas que conforman a base sobre a que se cimenta o IXEX.
Scroll al inicio