Familia e xénero. Mediación. Xustiza terapéutica e xustiza restaurativa

Nesta liña de investigación trataranse tanto a mediación coma a xustiza terapéutica e a xustiza restaurativa no ámbito familiar, dous conceptos que, sendo distintos están plenamente relacionados entre si. 

A mediación é unha vía alternativa ou complementaria á vía xudicial onde unha terceira persoa imparcial e neutral, a persoa mediadora, trata de achegar as posturas das partes para que a comunicación e o entendemento flúan entre elas e poidan chegar así por si mesmos, e mediante un proceso de negociación, a un acordo, se é o caso, consensuado, satisfactorio, previsiblemente eficaz e con vocación de permanencia no tempo. 

Neste sentido o IXEX terá en conta a importancia da inclusión da perspectiva de xénero nos procesos de mediación, rexeitando os estereotipos de xénero e analizando as relacións de poder, os roles tradicionais da familia co fin de integrar a todas as persoas dunha forma máis xusta. 

A Xustiza Terapéutica, de xeito xenérico, entende o dereito como unha forza social que produce comportamentos e consecuencias nos usuarios da xustiza, que poden ser positivos pero tamén prexudiciais e antiterapéuticos. Un dos seus principios básicos é contribuír á resolución real de problemas e conflitos a curto e longo prazo, cumprindo o dereito das persoas a resolver os seus conflitos, pero de forma responsable, xusta e sostible, promovendo ao mesmo tempo unhas relacións máis viables e satisfactorias, así como o benestar xeral dos individuos e sociedade. 

En definitiva, o IXEX prevé o estudo da Xustiza Moderna que aposte por un enfoque construtivo, sen prexudicar os demais e que permitan recuperar e fortalecer relacións positivas. 

Scroll al inicio