Os procesos desenvolvidos deben asentarse sobre unha comprensión profunda do contexto e a investigación ten que facerse con vocación de transferencia de coñecemento, de tal modo
que debe:
- Poder servir de fundamento a novas políticas e prácticas para a protección contra calquera nesgo de xénero, sexa cal sexa o seu contexto, atendendo a que as institucións, as organizacións e os organismos xurídicos son máis fortes cando os compromisos asumidos para integrar a igualdade de xénero e a perspectiva de xénero na investigación se fan públicos e visibles.
- Ser sostible e contar co tempo e cos recursos suficientes para garantir que as accións e iniciativas postas en marcha acaden o impacto necesario que lles permita converterse en referentes para a súa incorporación a documentos estratéxicos relativos á regulación legal e ás normativas relacionadas coa igualdade de xénero e coas políticas do corpo, de xeito tal que as accións e investigacións resultantes do Instituto cheguen a impregnar o funcionamento regular das institucións (work in progress).
- Ter en conta as modificacións históricas das regras e normas concernentes á muller e realizar un estudo ético-xurídico e histórico para conseguir unha comprensión cabal da posición do xénero feminino.
- Traballar na construción dunha verdadeira xustiza con perspectiva de xénero que partan de todas as ramas do dereito implicadas en cada unha das Liñas de Investigación do Instituto e traballen transversalmente coas disciplinas necesarias para a garantir os resultados que se pretenden.
Cada un dos proxectos que acolla o Instituto terá en conta a intersección con outras áreas de coñecemento e integrará nos seus propósitos a perspectiva de xénero e o apoderamento das mulleres, e farao coa ollada posta no dereito das persoas e no traballo por facer para acadar un instrumento transformador capaz de desprazar e modificar os modelos e patróns sociais discriminatorios ou vexatorios; un propósito que pode converter ao IXEX en líder na aposta por forxar unha cultura de xustiza de xénero que contribúa á construción dun novo paradigma.
O noso aliñamento coa universidade do futuro esíxenos formar parte do(s) cambio(s), aumentar a visibilidade e ampliar e reforzar as nosas actividades de sustentabilidade centrándonos, sobre todo, na implementación de estruturas e estratexias a longo prazo.
Como obxectivo irrenunciable, o IXEX aposta total e categoricamente por unha concepción da investigación máis aberta, flexible, participativa e accesible, preparada para se converter nun motor capaz de transformar o sistema e que se asentará sobre 8 eixos estratéxicos:
- Eixo Estratéxico 1. Afrontar as prioridades do estudo de xénero na nosa contorna establecendo a prioridade na loita contra a violencia de xénero e presentar evidencia das accións positivas da acción da xustiza en relación coas Liñas de Investigación levadas a cabo.
- Eixo Estratéxico 2. Fomentar a excelencia nunha universidade atractiva, nova, moderna, preocupada en que o seu persoal atope os espazos necesarios para desenvolver ao máximo as súas capacidades.
- Eixo Estratéxico 3. Reforzar a investigación
de calidade, destacada e pioneira, especialmente en áreas estratéxicas de investigación interdisciplinaria que teñen unha grande importancia para o desenvolvemento
integral e o bo funcionamento do Instituto;
e a transferencia do coñecemento derivado
desta investigación. - Eixo Estratéxico 4. Potenciar a formación dos investigadores, proporcionando un ambiente de investigación altamente estimulante que consolide o IXEX como líder e referente na integración da investigación de prestixio.
- Eixo Estratéxico 5. Alimentar, atraer e reter o talento; asumir compromisos nas diversas áreas do ámbito do dereito, da historia, da educación e da psicoloxía implicadas, directa ou indirectamente relacionadas coa protección das mulleres e a loita contra a violencia de xénero, a igualdade de xénero, a diversidade e a xustiza para as mulleres e a nenas; compartir información, aliñar esforzos, crear sinerxías e conformar una rede de apoio para lograr cambios desexados.
- Eixo Estratéxico 6. Fomentar relacións de investigación con comunidades, empresas, industrias, outras institucións académicas, etc., a nivel autonómico, nacional e internacional que nos permitan avaliar as fendas de xénero na xustiza, a calidade de vida, a economía, no acceso a bens e servizos e ao mercado de traballo, na vida familiar, na identidade social e no relacionado cos campos da intelixencia artificial.
- Eixo Estratéxico 7. Asegurar o acceso a recursos de investigación e xestionalos para garantir o seu uso eficaz e eficiente procurando a mellora na transferencia e aplicación do coñecemento, tanto á sociedade como aos profesionais da xudicatura ou calquera outros que deban intervir nos procesos da defensa dos dereitos das persoas vítimas da desigualdade por razón de xénero ou sexo.
- Eixo Estratéxico 8. Apoiar a innovación, a colaboración e o avance do coñecemento, favorecendo a adaptabilidade aos avances que se vaian producindo e fomentando a internacionalización e o liderado