Pode definirse a identidade social como o autoconcepto que cada individuo ten de si mesmo en canto pertencente a un grupo social co que se identifica, como pode ser a nacionalidade, o grupo étnico, a profesión, a relixión, a idade, ou o xénero, entre outros. Así, segundo a teoría da identidade social, a percepción de pertenza a un grupo determina as actitudes e comportamentos da persoa, asumindo os rasgos ou atributos propios desa comunidade e influíndo na nosa identidade persoal.
Dende o IXEX estudaremos a identidade social da muller e a súa autopercepción como membro de distintos grupos e a percepción da sociedade á muller e dos estereotipos vinculados ás mulleres. Estes estereotipos están relacionados cos roles que os distintos xéneros exercen e que son parte da forma de pensar e actuar e condicionan a meirande parte das decisións tanto a nivel persoal como académico e profesional.
En España dende os anos sesenta produciuse un gran incremento da presencia da muller no mercado laboral, o que propiciou o seu cambio de rol e a búsqueda da adaptación desta nova sociedade. Dentro da identidade social da muller analizaremos os seus roles no mercado laboral diferenciando neste sentido o traballo retribuído e non retribuído, especialmente o relacionado co coidado e as tarefas do fogar, destacando a necesidade de revisar as regulacións vinculadas ao coidado e de realizar novas investigacións que recollan e valoren este traballo.
Ademais, incidirá na desvalorización dos traballos que historicamente veñen a desenvolver as mulleres, a multicausalidade do teito de cristal, e a maior taxa de temporalidade entre mulleres entre outras cuestións, incidindo na importancia das accións e políticas públicas para non perpetuar estas desigualdades.