Esta liña de investigación abrangue, por unha banda, o acceso da muller á xustiza, o cal esixe o seu estudo dende dúas vertentes: como operadora xurídica e como vítima, e por outro lado, a inclusión da perspectiva de xénero na xustiza.
En relación coa participación da muller nas profesións xurídicas e xudiciais, e tendo en conta a súa escasa presenza nos postos de resolución e decisión, analizaranse os factores causantes desta situación, como os relacionados co sistema patriarcal tradicional que afastou durante anos ás mulleres de determinadas áreas de traballo, remarcado pola lentitude do sistema atendendo á antigüidade das outras persoas do sexo masculino integrantes dos órganos xurisdicionais.
O acceso á xustiza como vítima está marcado por unha desconfianza xeralizada no sistema. Por este motivo cómpre afondar nas súas causas, realizar unha diagnose dos principais obstáculos cos que as mulleres se atopan cando pretenden acceder a instancias e recursos xudiciais, analizar a falta de efectividade dos mecanismos de protección da violencia contra as mulleres, e as deficiencias nos sistemas de xustiza que levan a unha revictimización, e así poder propoñer solucións a estes problemas.
En canto á inclusión da perspectiva de xénero na xustiza, serán obxecto de estudo cuestións como en que consiste a tarefa de xulgar, delimitar conceptualmente que é a perspectiva de xénero e explicar o seu uso en sede xudicial, a obriga dos tribunais de empregar o enfoque de xénero e o seu cumprimento, entre outros.