Mulier et Ius

Tradicionalmente conformouse unha historia contada maioritariamente por homes que non dan voz ás mulleres relevantes de cada período concreto da evolución xurídica e social das diferentes comunidades preexistentes, relegando o seu protagonismo á domus, substraendo incluso dentro da casa familiar calquera tipo de autoridade ou potestade por parte das mulleres. Así, a adxectivación negativa das mulleres nas fontes literarias, xurídicas, epigráficas e históricas dan conta da necesidade de identificar a historiografía masculina interesada na invisibilización e sometemento das mulleres que carecen de capacidade de obrar xustamente na sociedade á que pertencen.

Moitos estudos de xénero circunscríbense a un elemento en concreto, a unha muller determinada, tentando logo abstraer conceptos e regras dos exemplos ou mitos recoñecidos nas distintas fontes de coñecemento e produción. Pero para expor un estudo xuridicamente completo debemos partir da complexidade da análise da situación das mulleres a través do dereito anterior e a historia unida ao mesmo, porque non se debe confundir o particular coa xeneralidade.

Por este motivo, esta liña de investigación centrarase no excursus xurídico-histórico relacionado coa perspectiva de xénero, os antecedentes de estudos xurídicos, centrados no ius como núcleo central do dereito romano, dedicados á muller, que poidan achegar unha visión secular da posición feminina, xeralmente deostada pola historiografía secular.

Scroll al inicio