Misión, visión, valores

Misión

O IXEX concíbese como unha ferramenta que a Universidade de Vigo pon a disposición das institucións públicas e doutros organismos para previr, abordar e xestionar os aspectos relacionados co interese polo que se crea, así como para a sociedade en xeral.

Visión

O IXEX nace cunha visión internacionalista, con vocación de ter dimensión internacional tanto nos contidos que se traten como na transferencia de coñecemento. Un dos puntos nos que se incidirá neste aspecto será a intención de contar con persoas investigadoras de prestixio doutras universidades de fóra de Galicia, españolas e estranxeiras.

O IXEX ten, ademais, unha visión ampla da inclusión e a equidade de xénero, abordada desde unha perspectiva interseccional desde a que pretenderá involucrar a todos os axentes implicados, comezando polo persoal investigador e docente, como motores de cambio e, posteriormente, buscando a implicación das persoas líderes comunitarias, políticas e institucionais.

Valores

A Universidade de Vigo declara de forma rotunda a implicación absoluta na perspectiva de xénero e o apoio á investigación nun tema tan transcendental, coa aplicación do vixente Plan de Igualdade 2020/2024 (III PLAN), do que podemos destacar, dentro dos seus obxectivos operativos e accións, no eixo 2, a acción 2.2.2:

“Integrar a perspectiva de xénero na responsabilidade social, prevención e riscos laborais, calidade, cooperación e asesoría legal, entre outras instancias da Universidade”, e dentro do eixo 3, dedicado á docencia, investigación e transferencia do coñecemento con perspectiva de xénero, o obxectivo estratéxico: “Integrar a perspectiva de xénero na actividade docente, investigadora e de transferencia de coñecemento para lograr a excelencia universitaria”. Este eixo 3 coincide case na súa totalidade co propósito principal do Instituto de investigación Xustiza e Xénero, tanto nos seus obxectivos operativos, como o 3.2: “Promover a inclusión da perspectiva de xénero na investigación”, e o 3.3: “Impulsar a investigación con perspectiva de xénero e a súa transferencia á sociedade”, como nas súas accións, entre as que podemos destacar a 3.3.1: “Promover a investigación no marco dos estudos de xénero”.

Este sentido, o Instituto ten clara a implementación dun plan propio de igualdade, con cronograma de prazos con respecto a cada acción que levará a cabo, así como a posibilidade de axudar a centros de investigación da Universidade de Vigo a deseñar os seus propios plans, con indicadores cuantitativos e cualitativos de cada medida deseñada, facendo un seguimento das accións elixidas e cun plan de sustentabilidade do plan de acción. O IXEX nace cunha visión internacionalista, con vocación de ter dimensión internacional tanto nos contidos que se traten como na transferencia do coñecemento.

Scroll al inicio